Presentación

21 días co galego nace para conseguir unha maior competencia en galego e unha mellor conciencia lingüística a través de diferentes actividades que pretenden levar a lingua alí onde nunca estivo na vida de moit@s de vós.

Esta experiencia ten dous grandes obxectivos de importancia semellante:

1) O aumento e perfeccionamento do emprego da lingua oral pola vosa parte durante 21 días, con desexable continuación no futuro.

2) A reflexión íntima e persoal da relación que cada un/unha de vós ten co galego dende a súa situación vital concreta e individual.

Co fin de conseguilos realizaremos actividades de tipoloxía variada que tamén nos van achegar a conceptos sociolingüísticos de imprescindible coñecemento para unha correcta comprensión da realidade actual galega e do papel que nela ten a lingua.

Nesta primeira ocasión participará alumnado de dous niveis educativos distantes, 2º de ESO e 1º de Bacharelato, se ao final o proxecto resultase satisfactorio, a intención sería en cursos posteriores amplialo a todo o centro.

Traballaremos cada unha das 3 semanas arredor dun eixe de uso:

1ª semana: o eu e a familia
2ª semana: as amizades e o instituto
3ª semana: a contorna

Poderedes adiantarvos no uso da lingua e por exemplo utilizala xa a primeira semana na contorna tamén, pero o que non poderedes facer nunca é atrasarvos ou recuar no uso.


Ningún comentario:

Publicar un comentario