martes, 12 de marzo de 2013

GRAZAS



Remataron os 21 Días co galego na súa fase de desenvolvemento e a min, A profa (Pilar Ponte), gustaríame realizar a título persoal unha serie de agradecementos.

Grazas á meirande parte do alumnado por se implicar no proxecto máis aló do que significa un traballo académico.

Grazas ao alumnado de 1º de Bacharelato e de 2º de ESO B, C e Agrupamento pola súa comprensión cando tiven que publicar as entradas do blog a deshoras.

Grazas ás nais e pais que colaboraron co proxecto falándolles en galego aos seus fillos e fillas, especialmente aos que, coñecendo previamente o galego, o empregaron por primeira vez con eles, e aos que decidiron aprender canda eles.

Grazas especiais a Helena Villar Janeiro, Helena Gallego, Mercedes Peón e Carlos Lixó que enviaron vídeos para o proxecto que por problemas de software non puideron ser publicados.

Grazas aos compañeir@s que feisbuquearon e chiaron este proxecto.

Grazas ás preto de 12000 visitas que tivo o blog (a estimación é que do alumnado serían tirando polo alto 3000).

Grazas aos máis de 125 seguidores da páxina en Facebook e que fixeron chegar o proxecto a máis de 2000 persoas.

Grazas a todas as persoas que desinteresadamente colaboraron en 21 Días co galego poñéndome todo tipo de facilidades.

Grazas a todas as persoas coñecidas e descoñecidas que se puxeron en contacto comigo para me animar co proxecto ao longo destas tres semanas.






venres, 8 de marzo de 2013

21º DÍA - ISTO PODE TER SIDO UN COMEZO

Neste derradeiro día de 21DCG saúdannos Xosé Antonio Touriñán e a Orquestra Panorama.




Hoxe faremos unha recompilación da experiencia, c
ontesta as preguntas xustificando as túas respostas.

  • Gustouche 21DCG? (NEE)
  • Custouche 21DCG? (NEE)
  • Que che resultou máis difícil, a parte de práctica ou a de reflexión?
  • Cres que aprendiches algo? (NEE)
  • Consideras que é unha actividade que deberían realizar no futuro outros alumnos? (NEE)
  • Engade todo o que desexes. (NEE)


Durante 21 días levamos a cabo esta experiencia con dous obxectivos:

1) Falar, falar, falar e falar.

2) Reflexionar sobre a relación íntima de cadaquén co galego.


Parabéns a tod@s!

Pois ben, aquí remata o traballo trimestral pero para moitas e moitos de vós pode ter sido un feliz comezo.


VÓS DECIDIDES

FALADE GALEGO!



xoves, 7 de marzo de 2013

20º DÍA - Barbanza connection

Hoxe a música visita 21 Días co galego e por triplicado.
Leilía


Uxía Senlle


Sonia Lebedinski

 



  • Como foi a xornada? Falaches en galego? Cando? Canto? Con quen? (NEE)
  • Se falaches todo o día en galego, intentaches que a túa fala fose máis correcta? En que momento? Con que interlocutores? 
  • Se non falaches todo o día en galego analiza en que momento deixaches de facelo e porque que cres ti que pasou? Despois volviches a intentar falalo o resto do día ou xa deixaches de esforzarte? (NEE) 
  •  Imos escoitar algo que aconteceu na Radio Galega fai menos de tres meses, o 17/12/2012 no programa Pensando en ti conducido por Alberto Freire. (Vía Carta Xeométrica)


    • Cres que hai abuso por parte dalgunha das dúas persoas desta conversa?
    • Recompila os argumentos que dá a oínte para ser atendida en castelán.
    • Recompila agora os argumentos que dá Alberto Freire.
    • Segundo isto, que se fala en Ferrol?
    Pero de Ferrol tamén é Javier Gómez Noya, campión do mundo de triatlón, a quen podemos ver nun vídeo de eufalo.tv.


    • Segundo isto, que se fala en Ferrol?
    • Vendo os dous vídeos a que conclusión chegas?
    Ás veces é complexo explicar as actitudes lingüísticas diferentes que se poden dar nun mesmo lugar ou en localidades xeograficamente moi próximas. 

    Barbanza connection

    Eu son de Ribeira
    Yo soy de Puebla
    Eu son de Boiro
    Eu son de Rianxo


    En numerosos vídeos do alumnado participante en 21 Días co galego, denúnciase polos seus protagonistas que un adolescente na Pobra non fala galego con outras persoas da súa idade pero si o fala cando se despraza a Ribeira, Boiro ou Rianxo con adolescentes destas poboacións.

    • Cres que é certo isto que contan os teus compañeiros e compañeiras? Xustifica a túa resposta. (NEE)
    • A que cres que é debido?
    • Que opinión che merece?


    mércores, 6 de marzo de 2013

    19º DÍA - Ecolingüismo

    Hoxe chega ao noso proxecto a polifacética María Reimóndez, presidenta e creadora da ONG Implicadas no desenvolvemento, pero case mellor que se presente ela mesma.




  • Como foi a xornada? Falaches en galego? Cando? Canto? Con quen? (NEE)
  • Se falaches todo o día en galego, intentaches que a túa fala fose máis correcta? En que momento? Con que interlocutores? 
  • Se non falaches todo o día en galego analiza en que momento deixaches de facelo e porque que cres ti que pasou? Despois volviches a intentar falalo o resto do día ou xa deixaches de esforzarte? (NEE)




  • “A nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua son a maior riqueza que temos os galegos e galegas, pois son estes elementos os que moldearon e expresaron o noso xeito de vivir e os que nos singularizan no mundo como galegos. O noso idioma e a nosa cultura non son mellores, mais tampouco peores, que calquera outros, mais son únicos, son os propios da nosa terra, son a nosa achega á diversidade cultural e lingüística do mundo.
    É a lingua galega a que lles serviu aos nosos devanceiros para transmitir a sabedoría, a historia e as tradicións que conforman e enriquecen a nosa cultura. É a lingua que naturalmente usaron os galegos e galegas para se comunicar, para se relacionar durante séculos no noso país: é, pois, a nosa lingua natural.
    [...]
    Mais, a pesar de ser o galego a lingua propia e natural do país, sucede como no noso medio ambiente, que estragamos até tal punto que consideramos propios os eucaliptos que substitúen os nosos bosques autóctonos. Con todo, seguen sendo as nosas carballeiras, os nosos soutos, as nosas fragas, os nosos ríos e a nosa lingua o natural na nosa terra e por iso cómpre coidalos para que non desaparecezan na voráxine dunha mal chamada globalización e dun falso progreso. O mito de babel, ao contrario do que din algunhas voces, non foi ningunha maldición senón que representa a riqueza e diversidade cultural e lingüística de distintos pobos que a pesares das súas diferenzas comparten uns mesmos desexos de seguir existindo. Como dicía Castelao, os burros aínda seguen no idioma universal, e os galegos e galegas con dignidade e con conciencia non queremos ser burros, queremos aprender cantas máis linguas mellor, mais a nosa a primeira.
    Na Galiza o galego é natural, sexamos entón naturais, falemos en galego.”
    *Fragmento dun texto da A.C. Almuinha.

    Facendo unha comparación ecolóxica, se cada día desaparecen 47 especies de fauna e flora dos nosos ecosistemas, o mesmo ocorre cos idiomas, xa que, 25 ou 30 linguas deixan de existir cada ano no planeta. Entre eles, o noso idioma corre o mesmo risco debido á acusada perda de falantes entre as novas xeracións.
    • Cres que se pode perder o galego se non o fala ninguén?
    • Cres que se pode comparar a importancia dunha lingua coa dunha especie animal ou vexetal? Xustifica a túa resposta.
    • Pensas que a xente é igual de sensible ante a perda dunha lingua?
    • Hai moitas persoas que non falan galego pero que sosteñen que o galego non se pode perder como lingua. Que che parece esta crenza?

    luns, 4 de marzo de 2013

    18º DÍA - E se falamos de cartos?

    Hoxe está connosco Otis de Lobisome camisetas.



  • Como foi a xornada? Falaches en galego? Cando? Canto? Con quen? (NEE)
  • Se falaches todo o día en galego, intentaches que a túa fala fose máis correcta? En que momento? Con que interlocutores? 
  • Se non falaches todo o día en galego analiza en que momento deixaches de facelo e porque que cres ti que pasou? Despois volviches a intentar falalo o resto do día ou xa deixaches de esforzarte? (NEE)

  • Deseño de Lobisome.


    • Cando vas comprar algo en que lingua che falan?
    • E gústache máis que te atendan en galego, en castelán ou dáche igual? Por que?
    • Lobisome fai camisetas con lemas en galego, hai máis empresas que tamén se dedican ao deseño integrando palabras ou expresións en galego. Por que cres que teñen éxito? Moitos de vós falades en castelán habitualmente mais tedes este tipo de roupa, por que credes que vos atraen este tipo de produtos?
    • Todo o mundo sabe a estas alturas que o galego é unha lingua apta para a cultura, pero podemos dicir o mesmo se falamos do mundo da empresa, do comercio e das finanzas? Ti que cres?
    • En moitas ocasións prodúcese un desfasamento entre a lingua do traballo e a lingua da empresa e resulta relativamente frecuente atopar casos onde a lingua de comunicación no traballo é o galego pero logo a imaxe de empresa, a web, así como toda a documentación empresarial (nóminas, facturas, etc.) só están en castelán. A que cres que se debe isto? Coñeces algún caso?
    • Algunha vez ao ires mercar algo cambiaron de lingua ao falar contigo? En caso afirmativo, por que cres que o fixeron?
    • Paréceche ben que haxa empresas de ámbito estatal que teñan a súa web e a documentación para os clientes noutras linguas do estado (en castelán e catalán, por exemplo) e non en galego? Sabías que isto acontecía? Que opinión che merece este tipo de comportamento? A que cres que é debido? 
    • Como consumidor en que lingua prefires ser atendido? Por que? 
    • Dáche igual que as empresas empreguen o galego na etiquetaxe dos seus produtos e na publicidade ou éche indiferente?
    • Eroski etiqueta en galego os seus produtos de marca branca e Gadis e Froiz non o fan. Suxíreche algunha reflexión este feito? 
    • Inflúe dalgún xeito a lingua á hora de decidir os teus hábitos de consumo?


    Son moi poucas as iniciativas galeguizadoras nestes sectores, entre elas salienta o Foro Enrique Peinador, que leva o nome do famoso empresario e filántropo galego.

    Este foro ten como finalidades:
    1. A xeneralización do uso da lingua galega en todos os niveis da empresa, comezando polo cadros de dirección.
    2. O uso do galego como lingua de traballo e das comunicacións internas.
    3. O uso do galego nos documentos de traballo da empresa.
    4. A dispoñibilidade de produtos informáticos e o uso do galego no sistema informático.
    5. O uso do galego na rotulación interna do lugar de traballo.
    6. Recoñecer os dereitos lingüísticos dos traballadores, usuarios e consumidores, fomentando o uso da lingua galega nos convenios colectivos, etiquetaxe e publicidade dos produtos.

    domingo, 3 de marzo de 2013

    17º DÍA - Os medios de comunicación

    Como sabemos que hai afeccionad@s e deportistas entre vós, hoxe contamos coas palabras do director de Zona Press, a revista bimensual de baloncesto en galego, Óscar Losada.


    • Como foi a xornada? Falaches en galego? Cando? Canto? Con quen? (NEE)
    • Se falaches todo o día en galego, intentaches que a túa fala fose máis correcta? En que momento? Con que interlocutores? 
    • Se non falaches todo o día en galego analiza en que momento deixaches de facelo e porque que cres ti que pasou? Despois volviches a intentar falalo o resto do día ou xa deixaches de esforzarte? (NEE)


    • Cres que tes ao teu alcance a información necesaria en galego nos diferentes medios de comunicación? A que cres que é debido?
    • Que tipo de información che gustaría ter en galego?

    Segundo o estudo Lingua, sociedade e medios de comunicación en Galicia, así é  como desexarían as galegas e galegos que fose a distribución de linguas nos seus xornais segundo a sección informativa de que se trate.


    No mesmo estudo indícase que dos xornais máis lidos en Galicia só un diario, o Diario de Arousa, supera a pequena porcentaxe do 5% de presenza do galego, no resto aínda hai menos galego, e isto que se teñen en conta tanto o espazo de redacción como a publicidade.



    • Visto isto, cres que é certo o que sosteñen os propietarios dos principais medios de comunicación en Galicia?
    • Por que cres que os xornais publicados no noso territorio practicamente non usan o galego?


    Mais non todo son malas noticias, hai tan só un mes, o 4 de febreiro, nacía a Asociación de Medios en Galego co fin de consolidar un espazo de comunicación na lingua propia ou contribuir á profesionalización do sector dos medios en galego. Os promotores da iniciativa son: 
    Certo
    Galicia Confidencial
    Novas da Galiza
    O Compás
    Praza Pública
    Que Pasa na Costa
    Radiofusión
    Tempos Novos
    de Luns a Venres
    Valminor.info

    16º DÍA - Tarde no cine


    Hoxe é a escritora, presentadora e polifacética Lucía Aldao a que ten algo que nos dicir.


    • Como foi a xornada? Falaches en galego? Cando? Canto? Con quen? (NEE)
    • Se falaches todo o día en galego, intentaches que a túa fala fose máis correcta? En que momento? Con que interlocutores? 
    • Se non falaches todo o día en galego analiza en que momento deixaches de facelo e porque que cres ti que pasou? Despois volviches a intentar falalo o resto do día ou xa deixaches de esforzarte? (NEE)


    • Lembras a actividade do DÍA 11 - Recoñecémonos na que asociaches as imaxes dunhas persoas coa  lingua que falaban. Observa o seguinte vídeo e vai amosando as túas reflexións respecto ás análises que nel se fan.


    E hoxe toca tarde de domingo no cine, vexamos se nos gusta o filme.


    Vence ti os teus.
    Fala galego

    sábado, 2 de marzo de 2013

    15º DÍA - Hablaba en gallego, qué bajón!

    Hoxe temos connosco a Beatriz Moyano de Beça, máis coñecida como Tati Moyano, a xornalista e presentadora da TVG.


    Hoxe imos ver o vídeo dunha intervención dunha moza galega concursante da XII edición do progama televisivo Gran Hermano.




    • Hoxe comezou a túa terceira e última semana no proxecto. Como foi a xornada? Falaches en galego? Cando? Canto? Con quen? (NEE)
    • Se falaches todo o día en galego, intentaches que a túa fala fose máis correcta? En que momento? Con que interlocutores? 
    • Se non falaches todo o día en galego analiza en que momento deixaches de facelo e porque que cres ti que pasou? Despois volviches a intentar falalo o resto do día ou xa deixaches de esforzarte? (NEE)
    • Cres que a esta rapaza lle gusta o galego? Por que?
    • Cantas materias tes? De cantas tes os materiais en lingua galega? En cantas o profesorado che dá a clase en galego? En cantas falas ti en galego? (NEE)
    • Por que cres que ao ler un texto en galego di que o vai traducindo?
    • Cres que houbo algunha época en Galicia onde todos os libros de texto fosen en galego?
    • A visión que dá a protagonista da situación lingüística da mocidade galega cres que responde á realidade?
    • Cal é a conclusión final da protagonista? 
    • Consideras coherente a conclusión á que chega co seu discurso anterior? Xustifica a túa resposta.
    • Cres que poderíamos atopar este tipo de intervencións en concursantes procedentes doutras comunidades autónomas? Por que?
    • Como galega ou galego, que sentes despois de ver este vídeo?
    E como é sábado:

      venres, 1 de marzo de 2013

      14º DÍA - Dúas semanas co galego

      Está connosco María Solar, xornalista, escritora e actriz de dobraxe que ademais, dende hai uns días, é tamén candidata ao premio de Mestre Mateo 2013 ao Mellor Comunicador/ora. Vexamos que nos ten que dicir da súa "revolución".


      • Como vai a cousa? Hoxe, venres, como se presenta a fin de semana? (NEE)
      • Parabéns polos teus vídeos, estás a facelo moi ben, a partir de hoxe só tes que procurar que os vídeos duren un pouquiño máis, non fai falta que sexa no mesmo vídeo, se queres podes facer varias gravacións diferentes no mesmo día. Moito ánimo!
      • En primeiro lugar, felicitarvos pola sinceridade coa que a maioría de vós está realizando os vídeos. É moi importante que vos deades conta que as vosas análises son fundamentalmente unha reflexión con vós mesmos e resulta absurdo mentirse a un mesmo.
      • Constátase polos vosos vídeos que moitos de vós tedes gripe, e estades moi cansos (especialmente os de bacharelato), clases, deportes, exames, 21DCG... é por iso que hoxe non vai haber actividades específicas, só imos facer unhas reflexións en público entre todos. Expoñeranse algunhas aquí e logo vós nos vosos vídeos falaredes destas ou daqueloutras que vós queirades.
        • A que atribuídes que, en xeral, vos fose mellor a primeira semana ca esta segunda?
        • Por que nalgúns dos cursos que participades no proxecto credes que non sodes capaces de falar entre vós en galego cando si o estades a facer nas vosas casas ou diante da cámara?
        • Moitos de vós levades tres ou catro días dicindo o mesmo na vosa análise da xornada, cres que se non intentas avanzar nada pode haber algo diferente que poidas contar?
        • Por que credes que, en xeral, a experiencia pode estar funcionando mellor en 2º de ESO ca en 1º de bacharelato?
        • Cres que é posible que mañá, primeiro día da última semana, comeces con ganas renovadas estes sete últimos días como se fose un novo reto? 
      • María Solar fixo a súa propia revolución, que esa forza e optimismo vos axude a reflexionar xa non só acerca do galego, senón tamén sobre outras decisións e posicionamentos que tomamos na vida.
      Ninguén dixo que fose fácil.

      MOITO ÁNIMO!

      NOTA: As persoas que non poidan realizar os vídeos ao final de cada xornada teñen a posibilidade de facer a conexión ao día seguinte, só tedes que ter en conta que ten que coincidir o número de día que poñedes no arquivo coas actividades dese día do blog.