domingo, 24 de febreiro de 2013

9º DÍA - Día de Rosalía

Hoxe tráenos a súa palabra e a súa arte Xabier Díaz, cantante, compositor e investigador do folclore galego.


Na actualidade Xabier Díaz e Guillerme Fernández teñen un programa na Radio Galega chamado Tres peixes voando que se emite todos os domingos a medianoite. Xa sabes, nós non o podemos escoitar en directo esta noite porque temos que durmir 8 horas e mañá madrugamos, pero podes facelo calquera día na páxina do programa.
  • Vaites! Seguro que hoxe che foi mellor, ou non? (NEE)
Rosalía, mil mulleres nunha soa muller.

Como tod@s sabedes, hoxe é o Día de Rosalía de Castro, recoñecido oficialmente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Este ano celebramos ademais o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos en 1863, obra fundacional da literatura galega moderna.
Nesta ocasión, como xa fixera con anterioridade, a Asociación de Escritores en Lingua Galega encabezou e coordinou unha marea de actos ao redor desta xornada que podedes atopar na súa páxina
E como hoxe temos a Rosalía e a Xabier Díaz, imos ver un vídeo no que este cantante, acompañado de Guillerme Vázquez interpretan un poema titulado A Rosalía escrito por Manuel Curros Enríquez.


Vexamos un fragmento do prólogo de Follas Novas (1880) escrito pola autora:"Creerán algús que porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar homildes, é por que me esprico na nosa lengoa. Non é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lengoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os Cantares Gallegos despertaron en algúns entusiastas. Un libro de trescentas páxinas escrito no doce dialecto(1) do país era naquel estonces cousa nova e pasaba polo mesmo todo atrevemento. Aceptárono i, o que é máis, aceptárono contentos, e eu comprendín que desde ese momento quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. Non era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado."

(1) Na época na que viviu Rosalía nas escolas censurábase o galego e impoñíase o castelán. É por iso que se ensinaba que o galego non era unha lingua, senón que era só un dialecto doutro idioma, e era considerada unha fala de menor categoría e que non se debía usar nin na escola, nin para as cousas importantes. É este o motivo polo que Rosalía fala de "doce dialecto do país" para se referir ao galego e non o denomina "lingua".

  • A que bandeira se refire Rosalía na última liña?
  • Saberías citar algún verso de Rosalía?
  • Para ti quen é Rosalía? Explícao como se estiveses a falar cunha persoa que acaba de chegar á Pobra dende Hawai. (NEE)
  • Por que cres que dous séculos despois seguimos a honrar a esta muller e a súa obra?
  • Rosalía foi unha artista, unha poetisa, pero alén diso foi tamén unha muller valente e comprometida co galego. Ela atreveuse a publicar en galego cando nunca antes o fixera ninguén, porque daquela aínda se descoñecían as cantigas medievais. Se aínda non falas todo o día en galego, Rosalía ten unha encarga para ti. Mañá, no Día 10, leva o teu galego alí onde máis che custe, pénsao ben, onde máis che custe, e logo cóntasnos como che foi. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario