xoves, 21 de febreiro de 2013

6º DÍA - Día internacional da Lingua materna

  

Cartel da Xunta de Galicia  do ano 1985 pertencente á campaña de promoción do uso do galego como lingua materna.


Hoxe, 21 de febreiro é o...



DECLARACIÓN DA REDE DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA
21 de febreiro de 2013


O Día Internacional da Lingua Materna, instituído pola Unesco no ano 1999, convídanos a contemplar a diversidade lingüística humana coma unha vantaxe que contribúe tanto á riqueza cultural coma ao desenvolvemento dos pobos.

[...]
A Rede de Dinamización Lingüística súmase, pois, con alegría, á celebración do Día da Lingua Materna, cuxa filosofía comparte enteiramente. E faino consciente de que a contribución de Galicia a esa diversidade lingüística, sen a que non é posible o benestar dos pobos e o desenvolvemento equilibrado, é o seu idioma propio, a lingua orixinaria e exclusiva desta terra, portadora dunha cultura particular: o galego.
Respectar e usar o galego é, xa que logo, a nosa responsabilidade e o noso deber, mais é tamén a nosa oportunidade, o noso orgullo, a nosa vantaxe, a nosa sorte.

Proporciónanos un xeito especial de estarmos no mundo; fainos únicos, irrepetibles e necesarios.
Por iso, a Rede de Dinamización Lingüística quere animar as familias, e os educadores en xeral, a transmitir a lingua galega dende a primeira infancia, impregnada da calor e do agarimo da casa.
Na primeira infancia –da man dos nosos pais e mestres- aprehendemos a realidade que nos rodea a través do filtro do idioma e da cultura, que, unidos, compoñen a urda sobre a que tecemos a nosa personalidade, a nosa identidade, o vestido que nos permitirá estarmos presentables, e mesmo campar, ante o mundo que nos rodea. Por iso ese primeiro idioma nos acompañará sempre, será sempre parte de nós, e estarmos orgullosos del axudaranos a sentirnos seguros de nós mesmos.
Quen teña como primeira lingua o galego ben pode, de feito, gabarse del. Non hai idiomas pequenos nin insignificantes, todos son un tesouro a través do que podemos expresar os nosos pensamentos e sentimentos, pero o galego satisfará tamén as expectativas de quen busque unha utilidade plasmada en cifras: hai aproximadamente 6000 linguas no mundo e o galego ten máis falantes ca 5864 delas e máis presenza en internet ca 5963 deses idiomas. É unha lingua vital e, en termos relativos, maioritaria.
As familias galegofalantes non deben ter medo de educaren os meniños na lingua coa que máis intimamente se poderán comunicar con pais e avós. Valorar e defender o propio non exclúe o respecto e o interese polo resto. O galego non será un impedimento, senón unha base segura, para aprender outras linguas, coma o castelán ou o inglés.
As familias que non falen habitualmente o idioma propio de Galicia tamén poden contribuír a defender a lingua que é patrimonio de todos os galegos cunha actitude positiva cara a ela e cara á súa promoción e mais con cancións, xogos, libros... que permitan que o galego teña presenza dende os primeiros momentos no fogar [...].


  • Xa van aló 6 días, como foi a xornada? (NEE)

  • Que poden facer as nais e os pais cos nenos para que aprendan galego dende que son bebés?

  • Que reflexións che suxire o texto que vés de ler?

  • ACTIVIDADE SÓ PARA O ALUMNADO DE BACHARELATO: A distribución da lingua inicial indica a vitalidade das linguas. Se os pais non lles transmiten a súa propia lingua aos fillos, o proceso de substitución está en marcha e invertelo resulta complexo. Os pais danlle prioridade á lingua que cren que facilita en maior medida o éxito social sobre a que serve de vehículo identitario e cultural do grupo. Fíxate na seguinte táboa cos últimos datos de lingua inicial en Galicia.
As columnas en verde indican os resultados do Mapa Sociolingüísitico Galego de 1992 e as columnas en laranxa os do mapa de 2004.
 Que conclusións tiras á vista destes datos?


E á vista destes? Que relación se establece entre tipo de hábitat e uso lingüístico?

Ningún comentario:

Publicar un comentario