xoves, 28 de febreiro de 2013

13º DÍA - Sociolingüística coas nosas palabras

Para hoxe unha escritora que xa nos visitou no instituto, Uxía Casal.


  • Vai avanzando a semana e xa entramos na conta atrás desta experiencia nosa. Como che foi o día? (NEE)
  • Só 1º de Bacharelato: Uxía fálanos do luxemburgués, mira aquí algúns datos sobre a situación desta lingua. Con que outros idiomas convive? Que cres que pode pasar en Luxemburgo para que competindo con linguas como o francés e o alemán, o luxemburgués non recúe no emprego oral?
Unha vez remates de ver o documental Linguas cruzadas, contesta a seguinte cuestión:
  • Define, coas túas palabras, os seguintes conceptos(1):
    • castrapo
    • galego cerrado
    • variedade estándar
    • neofalante
    • imposición
    • normalización lingüística
(1) Actividade tirada da unidade didáctica Linguas cruzadas elaborada por Ana Iglesias Álvarez, Xunta de Galicia, 2009.

    mércores, 27 de febreiro de 2013

    12º DÍA - Linguas cruzadas

    Hoxe coñeceredes a María Yáñez, unha xornalista galega pioneira en moitas das iniciativas que emprendeu, en moitas ocasións relacionadas coa defensa do galego, como é o caso de eufalo.tv, o documental que veremos hoxe ou asociación a prol da nosa lingua GalegoLab.

    • Como foi a túa experiencia hoxe? (NEE)
    • Xa vai aló máis da metade de 21 Días co galego. Consideras que estás a cumprir os obxectivos? Xustifica a túa resposta.
    Linguas cruzadas é un documental de 50’ dirixido por María Yáñez e Mónica Ares que afonda na situación sociolingüística a través da xente nova, da primeira xeración da historia que tivo o galego como lingua oficial. Estreouse fai seis anos, o 17 de maio de 2007, e dende ese momento fíxose indispensable como retrato sociolingüístico da mocidade.



    • Entre hoxe e mañá debes visionar o documental completo.
    • Para 2º ESO: Que está a pasar nos recreos?
    • Para 1º Bacharelato: Juanma del Río participou no proxecto relatándonos a súa biografía sociolingüística. Cales son as túas reflexións respecto ao que nos contou? 

    luns, 25 de febreiro de 2013

    11º DÍA - Recoñecémonos

    Este martes vénnos visitar o actor e dobrador Luís Iglesia, si, para os moitos que seguides a serie, "Carmelo Matalobos".


       
      • Como foi este día? (NEE)

        a “Falo en galego sempre porque meus pais falan galego, toda a miña familia fala galego… e desde sempre falo galego”. “Falamos o galego sempre: no instituto, pola calle, en calquera sitio”.

        b “Yo hablo castellano y… hablo castellano porque estoy acostumbrado a hablar en castellano desde pequeño. En mi casa se habla castellano. Incluso mis abuelos hablan castellano. Entonces… la costumbre, no? Y el uso que yo tenía del gallego era en el instituto, en el colegio, libros de texto, clases”.

        c “En mi casa se habla gallego. Mis padres entre ellos suelen hablar gallego pero yo no. Utilizo el castellano porque con mis amigos hablo castellano, en clase hablo castellano y no… es que no estoy acostumbrado a hablar gallego”.

        d “É algo que nunca entendín moi ben, porque na miña casa os meus pais sempre falaron en galego, os dous, sin embargo eu e as miñas irmás falamos en castelán, supoño que por influencia do resto da familia, da televisión, do colexio tamén. Y con dezaseis anos dixen, bah, e por que teño que falar así a medias, a medio camiño entre unha cousa e a outra? Y empecei a falar solo galego”.

        e “Eu crieime nun ambiente castelanfalante, estudei nun instituto e nun colexio onde somente se impartían aulas en castelán… e non foi ata chegar aquí a Santiago, bueno, cecais un ano antes, cun profesor que si impulsou o gusto polo galego, que comecei a interesarme pola lingua. Pero ata entón foi un vacío total”. “Eu son neofalante (…) e estou orgulloso, polo menos din o paso”.
        • Une agora cada un dos cinco perfís lingüísticos anteriores cos retratos que presentamos a continuación, tanto de muller coma de home, intentando xustificar a elección: p.ex. o perfil a crei que se corresponde coas mozas ... e ... porque... e cos mozos ... e ... porque...

        (1) Esta actividade pertence á guía didáctica sobre o documental Linguas cruzadas realizada por Ana Iglesias Álvarez (2009)

        10º Día - A lingua para lles falar ás bestas

        Moitas veces semella que o galego só está asociado ao mundo da educación e da cultura e fóra da economía, é por iso que hoxe nos saúda Rafael Cuíña do que, entre outras facetas, podemos atopar a de empresario comprometido coa defensa do galego.

         
        • Como comezaches a túa segunda semana? É máis fácil os días que vas á clase ou a fin de semana? (NEE)
        E chega un momento en que o galego chega á escola.


        • Es capaz de localizar as incorreccións que comete o profesor en castelán?
        • Cal cres que é a lingua dese mestre? Por que cres que ensinaba en castelán?
        • Como cres que se sentiría un cativo se ao chegar a escola lle din que a lingua que fala só vale para se comunicar coas bestas? 
        • Quen foi Sarmiento?
        • Por que cres que as persoas que falan máis castelán que galego ou só castelán se preocupan tanto polas incorreccións en galego, e non se preocupan nada polas incorreccións que cometen en castelán?  
        • Como consegue Sarmiento ensinar a ler?

        domingo, 24 de febreiro de 2013

        9º DÍA - Día de Rosalía

        Hoxe tráenos a súa palabra e a súa arte Xabier Díaz, cantante, compositor e investigador do folclore galego.


        Na actualidade Xabier Díaz e Guillerme Fernández teñen un programa na Radio Galega chamado Tres peixes voando que se emite todos os domingos a medianoite. Xa sabes, nós non o podemos escoitar en directo esta noite porque temos que durmir 8 horas e mañá madrugamos, pero podes facelo calquera día na páxina do programa.
        • Vaites! Seguro que hoxe che foi mellor, ou non? (NEE)
        Rosalía, mil mulleres nunha soa muller.

        Como tod@s sabedes, hoxe é o Día de Rosalía de Castro, recoñecido oficialmente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Este ano celebramos ademais o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos en 1863, obra fundacional da literatura galega moderna.
        Nesta ocasión, como xa fixera con anterioridade, a Asociación de Escritores en Lingua Galega encabezou e coordinou unha marea de actos ao redor desta xornada que podedes atopar na súa páxina
        E como hoxe temos a Rosalía e a Xabier Díaz, imos ver un vídeo no que este cantante, acompañado de Guillerme Vázquez interpretan un poema titulado A Rosalía escrito por Manuel Curros Enríquez.


        Vexamos un fragmento do prólogo de Follas Novas (1880) escrito pola autora:"Creerán algús que porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar homildes, é por que me esprico na nosa lengoa. Non é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lengoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os Cantares Gallegos despertaron en algúns entusiastas. Un libro de trescentas páxinas escrito no doce dialecto(1) do país era naquel estonces cousa nova e pasaba polo mesmo todo atrevemento. Aceptárono i, o que é máis, aceptárono contentos, e eu comprendín que desde ese momento quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. Non era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado."

        (1) Na época na que viviu Rosalía nas escolas censurábase o galego e impoñíase o castelán. É por iso que se ensinaba que o galego non era unha lingua, senón que era só un dialecto doutro idioma, e era considerada unha fala de menor categoría e que non se debía usar nin na escola, nin para as cousas importantes. É este o motivo polo que Rosalía fala de "doce dialecto do país" para se referir ao galego e non o denomina "lingua".

        • A que bandeira se refire Rosalía na última liña?
        • Saberías citar algún verso de Rosalía?
        • Para ti quen é Rosalía? Explícao como se estiveses a falar cunha persoa que acaba de chegar á Pobra dende Hawai. (NEE)
        • Por que cres que dous séculos despois seguimos a honrar a esta muller e a súa obra?
        • Rosalía foi unha artista, unha poetisa, pero alén diso foi tamén unha muller valente e comprometida co galego. Ela atreveuse a publicar en galego cando nunca antes o fixera ninguén, porque daquela aínda se descoñecían as cantigas medievais. Se aínda non falas todo o día en galego, Rosalía ten unha encarga para ti. Mañá, no Día 10, leva o teu galego alí onde máis che custe, pénsao ben, onde máis che custe, e logo cóntasnos como che foi. 

        sábado, 23 de febreiro de 2013

        8º DÍA - A Lei de normalización lingüística (1983)


        Hoxe mándanos as súas forzas Sonia Castelo que agora anda de xira teatral por toda España.



        • Como comezaches a túa segunda semana? É máis fácil os días que vas á clase ou a fin de semana? (NEE)

          A Lei de normalización lingüística, que foi aprobada por unanimidade no parlamento galego en 1983, hai xa 30 anos, establece o mandato de que o alumnado logre unha competencia semellante nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar.
          • Dende a túa perspectiva cres que ao longo destes 30 anos o ensino cumpriu este mandato da Lei de normalización lingüística en Galicia? Xustifica a túa resposta.
          • Cres que neste momento se está a cumprir este mandato? Xustifica a túa resposta.
          • Se foses o goberno galego que medidas tomarías ti respecto a esta cuestión?
          • Competencia semellante significa poder falar igual en galego e castelán. Cres que é bo que che falen na escola en galego para aprendelo?
          • Cres que coa axuda da escola e da túa familia ao final do curso vas poder falar tamén en galego? Que vas facer ti para conseguilo?

          venres, 22 de febreiro de 2013

          7º DÍA - UNHA SEMANA CO GALEGO!

            
          • Como foi o día hoxe? (NEE)
          • Xa vai aló un terzo da actividade. Crías que che ía ir mellor ou peor? Cres que melloraches algo? Cres que aprendiches algo? Se tiveses que poñerte unha nota, cal sería? Xustifica as túas respostas. (NEE)
          Parabéns por cumprires unha semana co galego!

          xoves, 21 de febreiro de 2013

          6º DÍA - Día internacional da Lingua materna

            

          Cartel da Xunta de Galicia  do ano 1985 pertencente á campaña de promoción do uso do galego como lingua materna.


          Hoxe, 21 de febreiro é o...



          DECLARACIÓN DA REDE DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA
          21 de febreiro de 2013


          O Día Internacional da Lingua Materna, instituído pola Unesco no ano 1999, convídanos a contemplar a diversidade lingüística humana coma unha vantaxe que contribúe tanto á riqueza cultural coma ao desenvolvemento dos pobos.

          [...]
          A Rede de Dinamización Lingüística súmase, pois, con alegría, á celebración do Día da Lingua Materna, cuxa filosofía comparte enteiramente. E faino consciente de que a contribución de Galicia a esa diversidade lingüística, sen a que non é posible o benestar dos pobos e o desenvolvemento equilibrado, é o seu idioma propio, a lingua orixinaria e exclusiva desta terra, portadora dunha cultura particular: o galego.
          Respectar e usar o galego é, xa que logo, a nosa responsabilidade e o noso deber, mais é tamén a nosa oportunidade, o noso orgullo, a nosa vantaxe, a nosa sorte.

          Proporciónanos un xeito especial de estarmos no mundo; fainos únicos, irrepetibles e necesarios.
          Por iso, a Rede de Dinamización Lingüística quere animar as familias, e os educadores en xeral, a transmitir a lingua galega dende a primeira infancia, impregnada da calor e do agarimo da casa.
          Na primeira infancia –da man dos nosos pais e mestres- aprehendemos a realidade que nos rodea a través do filtro do idioma e da cultura, que, unidos, compoñen a urda sobre a que tecemos a nosa personalidade, a nosa identidade, o vestido que nos permitirá estarmos presentables, e mesmo campar, ante o mundo que nos rodea. Por iso ese primeiro idioma nos acompañará sempre, será sempre parte de nós, e estarmos orgullosos del axudaranos a sentirnos seguros de nós mesmos.
          Quen teña como primeira lingua o galego ben pode, de feito, gabarse del. Non hai idiomas pequenos nin insignificantes, todos son un tesouro a través do que podemos expresar os nosos pensamentos e sentimentos, pero o galego satisfará tamén as expectativas de quen busque unha utilidade plasmada en cifras: hai aproximadamente 6000 linguas no mundo e o galego ten máis falantes ca 5864 delas e máis presenza en internet ca 5963 deses idiomas. É unha lingua vital e, en termos relativos, maioritaria.
          As familias galegofalantes non deben ter medo de educaren os meniños na lingua coa que máis intimamente se poderán comunicar con pais e avós. Valorar e defender o propio non exclúe o respecto e o interese polo resto. O galego non será un impedimento, senón unha base segura, para aprender outras linguas, coma o castelán ou o inglés.
          As familias que non falen habitualmente o idioma propio de Galicia tamén poden contribuír a defender a lingua que é patrimonio de todos os galegos cunha actitude positiva cara a ela e cara á súa promoción e mais con cancións, xogos, libros... que permitan que o galego teña presenza dende os primeiros momentos no fogar [...].


          • Xa van aló 6 días, como foi a xornada? (NEE)

          • Que poden facer as nais e os pais cos nenos para que aprendan galego dende que son bebés?

          • Que reflexións che suxire o texto que vés de ler?

          • ACTIVIDADE SÓ PARA O ALUMNADO DE BACHARELATO: A distribución da lingua inicial indica a vitalidade das linguas. Se os pais non lles transmiten a súa propia lingua aos fillos, o proceso de substitución está en marcha e invertelo resulta complexo. Os pais danlle prioridade á lingua que cren que facilita en maior medida o éxito social sobre a que serve de vehículo identitario e cultural do grupo. Fíxate na seguinte táboa cos últimos datos de lingua inicial en Galicia.
          As columnas en verde indican os resultados do Mapa Sociolingüísitico Galego de 1992 e as columnas en laranxa os do mapa de 2004.
           Que conclusións tiras á vista destes datos?


          E á vista destes? Que relación se establece entre tipo de hábitat e uso lingüístico?

          mércores, 20 de febreiro de 2013

          5º DÍA - Máis galego que algúns galegos

          Hoxe pasou por 21 Días co galego, María Canosa, enxeñeira, escritora e "experta en letras" no programa Cifras e Letras da TVG. María conta, entre outros méritos, co de ter publicado a súa primeira novela, Bramido maino, con só dezaseis anos, si, coa mesma idade ca moitos de vós. 

          • E os teus 21DCG? De momento que é o que máis che está gustando? E o que máis che está custando? (NEE)

          Hoxe imos visitar Eufalo.tv, onde atopamos a Claudia. Claudia é de Uruguai e leva uns anos vivindo na Pobra do Caramiñal. A súa filla fala sen problemas galego e ela tamén o intenta. Para mellorar presentouse ás probas do Celga.

          • Claudia vén de lonxe, de Uruguai, con axuda, busca nun mapa Uruguai e fíxate o lonxe que está de Galicia. Mira o ben que Claudia fala galego. Cres que ti vas ser capaz de falar coma ela?
          • Sorprendeute algo deste vídeo? Por que?
          • Como cres que é a actitude lingüística de Claudia cara ao galego?
          • Por que cres que moitos inmigrantes se sorprenden de determinadas actitudes negativas dos galegos cara á lingua?
          • Cres que debemos ter o mesmo comportamento lingüístico cun turista que cun inmigrante? Xustifica a túa resposta.
          • Que pensas cando ves algún inmigrante esforzándose a falar en galego?
          • Que sentes cando ves algún inmigrante falando en galego? 
          • Investiga que son os Celga e para que serven.    

          luns, 18 de febreiro de 2013

          4º DÍA - FALAR

          Hoxe pasaron por 21 Días co galego unhas mulleres moi festeiras, Genma Lareo e Fátima Pego, as vocalistas da orquestra París de Noia que todos coñecedes.

          • Hoxe foi martes, xa con dous días no instituto a túa aventura co galego vai mellor ou peor?
            (NEE)
          • Agora mira este vídeo de Ana Moreiras que se basea no relato "Falar" do libro de Séchu Sende Made in Galiza. Logo, contesta as preguntas.
            (NEE)

          NETmoviola: Falar from Ana Moreiras on Vimeo.
          • Cales cres que poden ser as razóns dos pais de Clara para lle falaren diferente?
          • Segundo Clara, falar facilita moito as cousas. Cres que facilita igual as cousas falar en galego ca en castelán? Por que? Exemplifica as túas argumentacións con casos concretos.
          • Clara di que "quere practicar" e que "ten medo" de que cando vaia falar por primeira vez lle saia mal. Cres que estes dous tipos de temores son comúns aos neofalantes? Telos ti nestes días?
          • Que lle dirías ás persoas que afirman que non se lanzan a falar galego porque cren que o fan mal e porque teñen medo á reacción dos demais? 

            domingo, 17 de febreiro de 2013

            3º DÍA - O galego lingua propia

            Chega o DÍA 3 e hai dous actores galegos, Monti Castiñeiras e Xan Pérez, que teñen algo que vos dicir.




            Constitución Española (1978)
            Título Preliminar
            ARTIGO 3

            1. El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla.
            2. Las demás lenguas españolas serán también oficiales en las respectivas Comunidades Autónomas de acuerdo con sus Estatutos.
             ___________

            Estatuto de Autonomía de Galicia (1981)
            Título Preliminar
            ARTIGO 5

            1. A lingua propia de Galicia é o galego.
            2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
            • E hoxe como foi a cousa? (NEE)
            • Explica coas túas palabras que significa que o galego é a lingua propia de Galicia. (NEE)
            • Por que cres que o castelán é lingua oficial en Galicia? 

            sábado, 16 de febreiro de 2013

            2º Día - AS ORIXES


            Hoxe visítanos Leandro Lamas, o pintor das cores e da alegría, nestoutro vídeo podedes coñecer algunhas das súas obras acompañadas pola música de Guadi Galego e Guillerme Fernández.

            •  Como che foi hoxe? Mellor ou peor ca onte? Por que?
              (NEE)
            Fálanos un pouco de ti: 
            • Onde naciches? (NEE)
            • En que curso estás?  (NEE)
            • Que profesión ten túa nai? (NEE)
            • Que profesión ten teu pai? (NEE)
            • Que lingua usas habitualmente? (Escolle a opción que máis se achegue á túa realidade: só castelán / predomina o castelán / castelán e galego por igual / predomina o galego / só galego)
              (NEE)
            • Que lingua se fala habitualmente na túa casa? (Escolle a opción que máis se achegue á túa realidade: só castelán / predomina o castelán / castelán e galego por igual / predomina o galego / só galego) (NEE)
            • Que persoas falan galego na túa casa? E na túa familia?
              (NEE)
            • Contáronche algunha vez contos en galego cando eras pequeno? En caso negativo, a que cres que é debido?
              (NEE)
            • E ensináronche xogos en galego (cancións, adiviñas...)? (NEE)
            • Tes algún amigo ou amiga que fale en galego? En que lingua fala contigo? En que lingua fala co resto da xente? (NEE)
            • Podes lembrar a primeira vez que falaches en galego? Cando cres que foi?  
            • Quen che aprendeu o galego? (NEE)
            • Cres que é importante saber falar galego ou dáche igual? Por que?

              venres, 15 de febreiro de 2013

              1º Día - ARRINCAMOS!

              Ola, hoxe comezamos a experiencia 21 Días co galego e hai unha persoa que vos quere dicir algo.



              Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis importantes da península Ibérica na actualidade cunha obra recoñecida a nivel internacional, para proba mirade a cantidade de premios que recibiu polo seu traballo.
              Pero ademais de saber escribir, este home do vídeo, é un experto gardador de segredos. Hai pouco dous alumnos de 2ºC tiveron a oportunidade de descubrir un destes segredos, e é que Agustín, aínda que non fachendee diso, é un dos mellores tuneadores mundiais de dedicatorias.
              Como mostra, mirade as que lles fixo a Alberte e Alberto polo seu premio de relatos do Samáin.

                
              • Hai algo que lle queiras preguntar? Se é así, fai a túa pregunta nun arquivo de vídeo indicando "Pregunta para Agustín Fernández Paz", veremos se despois quere darche unha resposta.
               
              • Veña! Arrinca a falar! Como ves isto dos 21DCG? Cres que che será moi fácil, moi difícil? Veste capaz de chegar a falar 24 horas en galego o último día? (NEE)